“Xa somos ezquerda”
A radical, abismática diferenciación entre ezquerdas e direitas, é hoxe un feito obsesionante, -dramática, imposible de escamotear. E por imperativo vidal hai que tomar posicións n-un ou n-outro bando. Non facelo, é descoñecer a realidade e adormentarse n-unha postura astral. Mais vivimos na terra, e pra avanzar cara o ideal é mester chapotear na lama. O idealismo ten de ser unha forza activa, se non quere resiñarse a zugar nos peitos esteris do nirvana. Pois o Partido Galeguista non pode dubitar: ténse que situar da banda da ezquerda. Ningunha espranza pode nos vir da dereita. Na dereita tiveron os seus tobos os lobos caciquís, e o militarismo, o clericalismo e o centralismo son baixos ideás sempre estranamente próisimos. As dereitas galegas, esterqueiras n-onde se axunta a podre de todas as iñorancias, de todas as cobardías e de todas as ambicións, exércitos de cegos da intelixencia, de tolleitos da vontade, de hipertrofiados do estómago e atrofiados do corazón, as dereitas galegas non poden merecernos simpatía.
A Nosa Terra, 323 (10 febreiro de 1934)
“Negra sombra”
Ninguén pretende que Rosalía estivera coidando, ao compor o seu poema [“Cando penso que te fuches”], na conciencia esistencial. Historicamente, a súa obra era outra cousa. Pero esa outra cousa, por camiños máis ou menos indireitos, pode desembocar no sentimento da saudade, idéntico, segundo algúns, ou previo, segundo outros, ao da anguria esistencial. E inda que nin esto ademitamos, o poema préstase ademirablemente, calquera que fose a súa inmediata intención, para simbolizar a esencia da poesía rosaliana, proxeitada sobor da comtempración do problema do ser, como coinciden en postular varios investigadores contemporáneos.
Mais a carón da interpretación trascendente, mítica ou mística do testo, compre poñer a interpretación inmanente, histórica e positiva. Sexa o que sexa a sombra de Rosalía pra nós, os seus leitores; poda simbolizar o que poda simbolizar, ¿qué siñificaba concretamente para Rosalía cando escribíu os famosos versos, sen ningunha pretensión de encarnación filosófica, atenta só, coma sempre, a espresar unha vivencia do seu esistir cotián?
Sobre lingua e literatura galega (1971), 81-82. Publicado por primeira vez en Galicia Emigrante, 4, 26 (1957)
“Este Hamlet”
Con despexo inaudito, manexando outras fontes e gobernando o tema co seu propio gobernalle, Cunqueiro demostróunos que tamén el ten algo que decir sobre Hamlet. Sin tirarse as súas calzas de xograr, o poeta calzóuse, con sinxeleza e serenidade, o coturno. Porque escribíu unha verdadeira traxedia. […] O Hamlet de Cunqueiro é, polo seu asunto, unha verdadeira traxedia, desde logo máis cruel e sombriza que a shakesperiana. Máis grega, máis sofoclea, máis precristiana. Este Hamlet é menos consciente que o inglés. Menos psicoanalista. Menos liberoarbitrista.
Libros e autores galegos. Século XX (1982), 272. Publicado orixinalmente en español, co título “Literatura gallega. Este Hamlet” e sob o pseudónimo F. Cadaval, en Vida Gallega, 746 (1959)
“Discurso en Cambados”
Non houbera podido ser Cabanillas o poeta que foi se non houbera sido o home que chegóu a ser. A súa alma estaba feita da suprema sabiduría. Esa sabiduría que os anos dan a algúns espíritos escolleitos, esa sabiduría tecida de desenganos aturados docemente, de renuncias aceitadas sin amarguexo, de serenidade profesada sin afectación. Cabanillas puido ser un grande poeta porque foi un home sinxelo. Nada desexaba, nada pretendía en canto a honores e distincións mundanas. Non por atrabiliaria misantropía, pois era apacíbel e afectuoso. Tampouco por rixidez estoica, pois era humán, benigno e cordial. Poeta verdadeiro, endexamáis se creu un inspirado. Fióu o seu fío, tecéu a súa tea con honradez de bo artesán, mainamente sumiso ao vento do destino, tranquilo na tempestade, indiferente ás honras, ceibo de vanagroria. ¡É tan pouca cousa a vida! ¡É tan levián criatura o home! Hainos que se cansan por rubir aos cumes. Se Cabanillas os atinxíu, foi pola alta espiritualidade da súa obra, nunca polo fato esforzo dunha arela de medro persoal.
Libros e autores galegos. Século XX (1982), 25. Publicado por primeira vez no Boletín de la Real Academia Gallega, tomo XXIX (1961), 519
“Otero Pedrayo, unha visión de Galicia”
Como para Curros o idioma universal sería o galego, diríamos que para Otero a nación universal sería Galicia. Galicia era para Otero o universo familiar, e a xeito dun breviario de totalidade cósmica. A súa visión do corpo físico e da alma creadora de Galicia está constantemente impregnada de corporativismo. Algo de Florencia semella alentar nos países catrocentistas de Noia. O propósito anunciado por Vicetto de rematar a súa vida literaria unha vez concluso El lago de la Limia, ten certa semellanza co despedirse de Chateaubriand ao ter rematado Les martyrs. Para Otero, por calquer lado que se mire, Galicia foi universal cando foi enxebremente galega. O galeguismo de Otero era un reintegracionismo en Europa. Calesquera que foran os acenos polémicos que no autor se detecten verbo do centralismo castelán, o creador do Adrián Solovio que escribíu Nosa Señora das Lavercas, foi capaz de admirábel compresión mesmo para a paisaxe e a historia de Castela.
Grial 56 (1977), 134
“Nom estamos sós”
Um dos perigos que espreitam o galego quando se trata da sua normalizaçom, é o perigo do seu isolamento como conseqüência da aceitaçom inconsciente por parte dos normalizadores dumha situaçom histórica anormal: a sua separaçom política das demais pólas do mesmo tronco. Que o galego se desenvolvesse de costas aos demais falares da franja peninsular ocidental, deveu-se à integraçom de Galiza no reino de Castela. As distintas opçons morfológicas, sintácticas ou léxicas que se davam no romance antigo, forom objecto de selecçom distinta ao norte e ao sul da fronteira como conseqüência da falta de contacto entre os falantes. O português escolheu umhas formas e o galego outras porque estavam adscritos a administraçons diferentes. Ainda bem, o galego e o português nom estam entre si na mesma relaçom que o vasco e o castelam, por exemplo. O vasco está totalmente isolado actualmente no mundo lingüístico. Umha normalizaçom do vasco pode fazer-se sen nengumha atençom ao seu contorno idiomático. É um problema puramente interno, o de concertar os distintos dialectos para formar umha língua comum. Mais os dialectos do galego estam fora de Galiza, e hai que tê-los em conta se nom queremos ser o Robinson lingüístico dos tempos modernos. O vasco vê-se forçado a esta situaçom, porque o francês, o gascom, o aragonês, o castelam, nom som os seus parentes. De aqui a autonomia do vasco para resolver os problemas da sua língua literária. Nengum dos seus vizinhos entende o euskera por parentesco coa língua própia.
Problemas da língua galega (1981). Publicado por primeira vez en La Voz de Galicia, o 6 de xaneiro de 1978
“Esperemos contra toda esperanza”
Esperemos contra toda esperanza. Esta frase, que ten xa unha ilustre prosápia, pode servir de lema aos galegos. Hai que esperar contra toda esperanza, porque mentres non decidamos suicidarnos como povo temos que confiar na posibilidade de rectificar a história, e a história, por suposto, ten que ser rectificada.
Salinas Portugal, F. (1991): Voz e siléncio (Entrevista con Ricardo Carvalho Calero)
“O uso do galego para todo”
Unha língua non pode perpetuar-se se non se exercita, unha língua non pode realizar-se se non proxecta sobre un mundo real. Hoxe todos, ao parecer, concordamos nisto, mesmo aqueles que, non hai moito tempo ainda, semellaban transixir co galego só como língua literária, cando non só como língua lírica. Teríamos así -nese suposto restritivo- umha língua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada. E consecuentemente, unha língua ferida de morte. Unha língua morta, um latin para especialistas, pronto inintelixíbel para o comun dos galegos. Se queremos de verdade que o galego viva, temos que facé-lo viver todas as vivéncias da sociedade actual. Non só as vivéncias estéticas, conforme a unha dobre tradición da nosa literatura moderna, encetada polos ilustrados e prerrománticos do século XVIII, e a tradición medieval, totalmente, ou cuase totalmente, ignorada polos dezaoitistas, senón tamén as vivéncias do uso coloquial, do uso comercial, do uso notarial, do uso administrativo, do uso relixioso e do uso político. A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos.
Umha voz na Galiza (1992), 78. Publicado orixinalmente en La Voz de Galicia, o 22 de marzo de 1981
“O galego, obxección de conciéncia”
¿Que sentido pode ter a obrigatoriedade do ensino da nosa língua se non cabe o deber de coñecé-la por parte dos galegos? ¿E que sentido ten que a nosa língua sexa língua oficial en Galiza se non teñen por que coñecé-la os que a teñen por língua oficial? ¿Que significa que o galego é a lingua própria de Galiza se non rexe o deber de coñecé-la e, portanto, o de estudá-la? Unha língua oficial que non hai obriga de coñecer nen, portante de estudar, ¿como funcionará oficialmente? A língua oficial ¿non é precisamente a que non poden excusar-se de coñecer os suxeitos á correspondente ordenación xurídica? Se eu non teño o deber de coñecé-la, ¿como o meu fillo vai ter o deber de estudá-la? E se ninguén ten o deber de coñecé-la nen de estudá-la, ¿por que se chama língua oficial? ¿Porque podo usá-la, se quero, perante as autoridade autonómicas? ¿A iso se reduz a sua cooficialidade? Se cadra tamén ao feito de que no Boletín Oficial do Goberno Autónomo, a carón do rubro en castellano Xunta de Galicia hai que poñer o rubro en galego Xunta de Galicia, e insertar as disposicións en castellano e en galego, línguas que, como se ve, a xuízo da Xunta son dabondo semellante. ¿É iso unha língua cooficial?
Umha voz na Galiza (1992), p. 114. Publicado orixinalmente en La Voz de Galicia, o 15 de outubro de 1983
“Diálogo entre A e B”
O meu amigo A ten sesenta e seis anos. O meu amigo B ten trinta e tres anos. Ambos son escritores. A escreve sempre en castellano. B escreve sempre en galego. B, no curso de unha conversa cordial, manifesta a súa mágoa por que A non escreva en galego, língua que fala desque aprendeu a falar, mentres que V falou até hai pouco ordinariamente en castellano. A é fillo de un lavrador, e naceu nunha aldeia. B é fillo de un militar, e naceu nunha cidade. Para A, ao parecer, constitui un mérito falar galego desde cativo, e un demérito comenzar a falá-lo na madurez. Quer dicer, é un mérito nacer nun meio que determine que o galego seja a própria fala materna; e un demérito que o galego seja unha fala de adopzón voluntariamente asumida. Parece-me que, ao tratar de justificar-se A ante B por non utilizar o galego como língua literária, se desvia do recto camiño da discusión, e acude a argumentos adhominem, que son procedentes. Parece como se o que non tivo o galego como língua natal non pudese aceitá-lo como língua própria normal cando se cre chamado a facé-lo. ¿Hai, pois, que apresentar provas de limpeza lingüística de sangue para ser admitido na comunidade de galego-falantes? Se B asumiu recentemente como língua a que non aprendeu na súa casa, e a cultiva literariamente, ¿devemos rejeitar do ponto de vista galeguista a sua actitude, e considerá-la, en todo caso, menos meritória que a de A, que falou galego porque esa era a língua que ouvia falar ao seu redor, e que cando se enfrentou coa necesidade de escrever, renunciou, polo que seja, a escrever en galego? ¿Pode, fora da léria e da brincadeira amistosa, tomar-se en conta esta argumentazón?
Umha voz na Galiza (1992), p. 159 Publicado orixinalmente en La Voz de Galicia, o 29 de outubro de 1984
“Un galego rendível”
Por imperativo legal, as autoridades do goberno autonómico están obrigadas a promover o uso do galego. E non alimentamos nengunha dúvida sobre a necesidade de que ese galego seja un galego rendível. Coa palabra rendível significamos económico e competitivo. Todo ven ser o mesmo, ou eses últimos adjetivos connotan o significado do primeiro.
Evidentemente, se promovemos un idioma, temos que facé-lo inspirados no princípio de que a nosa conduta está encamiñada à utilidade e benefício dos falantes e escreventes desa forma lingüística. Se a tal é a própria do país, como é o caso do galego na Galiza, salta à vista o carácter económico dese proceder. Coñecer con maior exactitude o idioma que se coñece con descuido ou defeito, non exige un aprendizado semellante en esforzo ao que precisa o aprendizado dunha língua estraña, pois non se trata de adquirir un idioma novo, mas de reconverter, sanear, regenerar ou restaurar un idioma já posuído, limpando-o até onde seja prudente, de aderéncias exógenas. Asi, esta política lingüística resulta económica, porque non pretende inovar, mas corroborar, quer dicer, mellorar, a forma e a eficácia de un instrumento cultural que non temos que mercar, porque fai parte do noso património.
Umha voz na Galiza (1992), p. 280. Publicado orixinalmente en La Voz de Galicia, o 19 de novembro de 1987