Farsa das zocas
Acto I. Escena I
EDELMIRA
Miñas señoras e meus señores: boas noites. Son Edelmira de Cornido. Saúdo a toda esta famiília. Que esteñan ben. Por moitos anos. ¡Ai! ¡Eu non o verei! Ando adoecida que non podo comigo. Mal de illarga, dispensando. Cando me dá, doi-me que rabeo. Estes ben o saben, estes dous lacazáns. Agardan a miña morte pola herdanza. E máis lles non dixen a vostedes quen son estes dous piollos, con perdón. Son o meu home e a miña cuñada. ¡O meu home! ¡Nen home, nen meu! Casou polo capital. Son fillos da Piricocha da Acea. Collin-no de criado e quixo ser amo. Mentres era criado, ben que traballaba. Cando foi o meu home, ja non quixo máis que folgar. Arrenegado seja… Foi un dia ben negro o dia do meu casoiro. Engaiolou-me ben, e foi seródio o coñecer a sua léria. Moita tiña. Meteu-me na casa a irmá, que andaba a jornal. Os primeiros tempos, Edelmiriña por eiqui. Edelmiriña por acolá. Pero me ajudar, nen migalla. Andaria polas portas se me non coidase de cando as patacas van indo colledoiras, de cando hai que recoller o millo. Eles, nada. Agora, nada. Ven-me doente. Agardan-me morta. Todo volve-se-lles pedir-me testamento. Non lle-lo hai facer; fique no camiño. Curmáns teño na Graña. Que todo o leven. Ou pra o fisco. Ou farei testamento para a parróquia… Eles non trabarán en nada, se a lei me ajuda. Ai están. Os dous bébedos, os dous dormidos. ¡Ai, mal home! ¿Asi miras pola casa, baleigán, biltre, bandallo? Moi baixado de criado, moi finchado de amo. ¿Seica a Piricocha non podia botar ao mundo cousa menos ruin? E ti, Divina, ¿onde tes a vergoña? Vives do meu. Manteño-te, visto-te, e inda tes callo a roubar-me e emborcar o meu, e traguer-me tola coa tua nugalla. ¡Ai, Señor! ¿Que mal fixen eu, que asi me castigas? ¡Probe de min, desgrazadiña de min, malpocada de min! Valera-me máis morrer. ¡Ai, e máis parece que me colleu a sobérbia! ¡Ai, que dor! ¡Ai, as miñas illargas; ai, os meus cadris; ai, os meus rens; ai, o meu lombo! ¡Ai de min toda! ¿Non me acodides, baldreus? Ti, revirado, e ti, lercha. ¡Ai, Deus vo-lo prémie! Non sei se à cama chegarei. ¡Ai, o meu lombo; ai, os meus rens; ai, os meus cadris; ai, as miñas illargas! (Vai-se pola direita).
Farsa das zocas, en Teatro Completo (1982). Sada: Ediciós do Castro
Auto do prisioneiro
Escena VII
O PRISIONEIRO, O OFICIAL
O OFICIAL
Bos dias. Ainda que non é corrente que visite os prisioneiros, hoje quero facer unha excepción polo feito de tratar-se dun cumpreanos e polo feito de tratarse de vostede. Ao cabo, vostede é fillo do noso Director, e merece toda a consideración do Corpo. Receba, pois, a miña felicitación máis sincera e respeitosa. Aproveito a ocasión para lle perguntar se ten algunha queixa do seu Guardián, ou se algunha das circunstáncias da sua vida non se ajeita, na sua opinión, aos regulamentos ditados pola Superioridade.
O PRISIONEIRO
Señor Oficial, quixera obter unha audiéncia do Director.
O OFICIAL
¿Para formular unha queixa? A comida ¿non é boa? A calefacción ¿insuficiente? O toque de diana ¿intempestivo? O Guardián ¿irrespeitoso?
O PRISIONEIRO
En nada diso reparo. Mais necesito falar co Director.
O OFICIAL
Se non ten vostede queixa algunha que formular, ¿para que quer vostede falar co Director?
O PRISIONEIRO
Para comprobar que existe un Director.
O OFICIAL
Meu querido hóspede, ¿non observa vostede a existencia dunha dirección?
O PRISIONEIRO
¿Unha dirección?
O OFICIAL
Efectivamente, unha dirección, unha ordenación, un sistema. As cousas non acontecen ao chou. Vostede está sometido a unhas obrigas. A sua liberdade ten uns límites. Hai un horário que rege a sua vida. Logo, hai unha dirección.
O PRISIONEIRO
Mais ¿hai un director?
O OFICIAL
Meu querido hóspede, se hai unha dirección, ¿como non vai haber un director? Unha orde, un sistema, supón un ordenador. Unha concorréncia a un fin dos acontecimentos supón unha inteligéncia que estabeleza esa finalidade. ¿Que lle parece?
O PRISIONEIRO
Unha sinécdoque.
O OFICIAL
¿Como?
O PRISIONEIRO
Un tránsito do abstracto ao concreto. E en todo caso, se é razoábel a existéncia dun director, ¿por que non é experimentábel?
O OFICIAL
Vostede experimenta-a todos os dias. Esa porta é o Director.
O PRISIONEIRO
Esa porta está sempre fechada.
O OFICIAL
As chaves que eu posuo son puramente simbólicas. Atributos tradicionais no meu cárrego. Hoje está todo automatizado. As chaves son puro ornamento. Se eu lle deixase a chave da Dirección, vostede non a poderia abrir. Se eu lle deixase a chave do ascensor, vostede non poderia entrar nel.
O PRISIONEIRO
Necesito algunha comunicación con meu pai.
O OFICIAL
Ten vostede un teléfono.
Auto do prisioneiro, en Teatro Completo (1982). Sada: Ediciós do Castro